Tuesday 14 de May de 2024

Sánchez Bugallo: “Estamos tendo un crecemento tan espectacular que todo se nos queda pequeno, por iso é o momento do gran Santiago


A vicepresidenta primeira, Nadia Calviño puxo en valor o “bo entendemento” e o traballo de colaboración do alcalde co goberno central.

Sánchez Bugallo explicou que en Santiago hai actualmente “300 millóns de euros en obra pública contratada ou en contratación” e apunta á biotecnoloxía e a intelixencia artificial como “sectores estratéxicos para Compostela”.

 

Foi nun encontro con representantes do sector económico e as forzas vivas da cidade no que participou tamén a vicepresidenta primeira do goberno, Nadia Calviño, no que o alcalde falou do gran Santiago para o que “estamos preparando unha gran transformación”: “construiremos un novo Santiago, máis grande e compacto, no que todos os barrios e o rural se integren co centro, ao igual que as decenas de miles de persoas que veñen a traballar diariamente á capital de Galicia”:

Asegurar o futuro das novas xeracións é outro dos obxectivos cara os que apunta Sánchez Bugallo, persoas “moi ben formadas” que “teñen que ir fora para atopar uns postos de traballo acordes ás súas aspiracións”. Neste sentido, o alcalde falou dun Santiago que “crece a un ritmo espectacular” no que “todo se nos queda pequeno”.

O turismo e A loxística serán dous dos sectores nos que se requirirá “un maior esforzo” mais, Sánchez Bugallo marca as prioridades de futuro en outros dous: “biotecnoloxía e intelixencia artificial, é o que queremos ofrecer aos nosos mozos”. Un obxectivo ligado ao de manter a poboación moza en Santiago, con creación de emprego de calidade e centrado na investigación.

Para estes dous obxectivos, a ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital destacou o bo entendemento entre o Goberno Central e o Goberno de Bugallo, algo “fundamental para que as cousas salgan o mellor posible” e porque xuntos “somos mais fortes”. A ministra de Economía mostrouse feliz por volver catro anos despois a Santiago e ver todos os avances que se lograron a pesar das dificultades da pandemia do coronavirus.

Nadia Calviño rematou a súa intervención demostrando o compromiso do Goberno coa Comunidade e a determinación de que Galicia siga sendo un dos motores de crecemento económico e de prosperidade de España. A vicepresidenta mostrou o seu apoio ao alcalde, exclamando que “Santiago Vai, e todos imos con Santiago, xuntos”.

Santiago VAI

Sánchez Bugallo lembrou os avances da súa lexislatura, na que converteu unha cidade “paralizada e sen chan industrial, con contratos paralizados e sen perspectiva”, nunha Compostela co menor paro de toda a comunidade galega, por debaixo do 10%. O Goberno municipal conseguiu reactivar o sector comercial, de maneira que centos de emprendedores comezaron as súas iniciativas empresariais. En total, lograron que máis de 300 millóns de euros foran contratados ou están en proceso de contratación.

Por outra banda, o alcalde destacou o bo momento do sector turístico. “É a primeira vez na historia que o turismo está a medrar un 13% despois dun Ano Santo, unha etapa na que os datos sempre baixan”, destacou Bugallo. Durante o pasado ano pasaron máis de 3.200.000 pasaxeiros polo aeroporto de Santiago, máis do dobre que o resto de aeroportos de Galicia xuntos.

Os datos indican o crecemento da actividade económica na cidade e a necesidade de que Compostela siga medrando. Por iso, para Bugallo o gran reto está en que “todo se nos queda pequeno”, polo que as súas propostas pasan por construír unha cidade nova, onde hai que realizar tres polígonos novos. Este punto enlaza coa nosa proposta por coser Santiago, por unir todas as zonas e facilitar a mobilidade peonil e en bicicletas.

O acto tamén contou coa intervención do secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, no que destacou o papel do Goberno de España durante a pandemia, onde “non se deixou a ninguén atrás e se fortaleceron as relacións con Europa”. O secretario xeral agradeceu especialmente a posición do Ministerio de Economía e a súa labor cos municipios galegos.